• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Xunta de Goberno formaliza a adhesión do Concello ao programa PEL-Reactiva

08/10/2020

Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse a adhesión do Concello ao fondo de financiamento para a reactivación económica e social da provincia da Coruña (PEL-Reactiva) impulsado pola Deputación.

Este programa de axudas irá dirixido a mitigar os efectos negativos que están a sufrir persoas autónomas e microempresas debido á crise da Covid-19. As subvencións terán por finalidade cooperar na viabilidade económica da súa actividade e, deste xeito, contribuír na xeración de emprego no termo municipal.

A Laracha contará cunha partida orzamentaria de 185.113,21 euros para esta liña de subvencións, dos que o Concello asumirá con fondos propios municipais o vinte por cento (37.022, 64 euros).

Ademais deste programa compartido coa Deputación, o Concello promoveu durante o pasado verán un plan municipal de subvencións para o fomento do emprego mediante o impulso da actividade económica das empresas e autónomos afectados pola Covid-19, dotado con 220.000 euros e ao que solicitaron acollerse 214 autónomos e microempresas. Entre ambas iniciativas, no Concello da Laracha destinaranse máis de 400.000 euros en subvencións directas ao tecido empresarial local para paliar os efectos negativos do coronavirus.

Salientar, por outra banda, que na Xunta de Goberno Local tamén se concedeu a licenza de primeira ocupación para unha vivenda unifamiliar na parroquia de Montemaior.