• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Entregados os diplomas aos alumnos do obradoiro “A Laracha polo emprego xuvenil”

06/10/2020

O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Emprego, Rocío López, entregaron os diplomas aos alumnos-traballadores do obradoiro A Laracha polo emprego xuvenil que superaron con éxito as fases práctica e teórica deste programa mixto de formación e emprego no que participaron dezaseis mozos de idades comprendidas entre os dezaoito e os trinta anos, ademais das cinco persoas que compuxeron o equipo formado polo director, mestre para cada unha das dúas especialidades, mestre de ensino básico e auxiliar administrativo. Os diplomas entregados son necesarios para que os alumnos poidan solicitar o certificado de profesionalidade homologado pola Xunta de Galicia.

O acto desenvolveuse na Casa da Cultura da Laracha, que foi precisamente un dos puntos de intervención dunha das dúas especialidades do obradoiro, a de carpintería e moble, que realizou o panelado do perímetro do salón de actos e da parte dianteira do escenario. Tamén levaron a cabo traballos de mellora do mobiliario urbano e do mobiliario deportivo nos pavillóns de Caión e do CEIP Otero Pedrayo. Os alumnos da outra especialidade, a de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, desenvolveron a formación práctica nos centros de día e fogares residenciais públicos da Laracha e de Arteixo. En ambos casos a parte teórica fixérase en instalacións do Concello da Laracha, como son as aulas do edificio administrativo e a nave municipal do parque empresarial.

cinco persoas que compoñen o equipo formado polo director, mestre para cada unha das dúas especialidades, mestre de ensino básico e auxiliar administrativo

A Laracha polo emprego xuvenil foi organizado polo Concello e a Xunta de Galicia, cun orzamento total de 180.000 euros. En cada unha das especialidades houbo oito alumnos, que durante os seis meses de formación tamén obtiveron unha remuneración económica pola participación no programa. O obxectivo esencial desta iniciativa foi acadar a súa inserción no mercado laboral, e a día de hoxe seis dos dezaseis alumnos xa están a traballar no sector profesional no que veñen de formarse grazas a este obradoiro.