• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A campaña municipal de desbroce está executada ao 85% e prevese concluíla a finais de mes

07/10/2020

Todos os anos o Concello realiza a finais da primavera, durante o verán e nas primeiras semanas do outono a campaña de roza e desbroce de cunetas tanto nas estradas locais das trece parroquias como nos terreos de titularidade municipal que non forman parte do servizo de limpeza e mantemento de zonas verdes.

A día de hoxe xa están executados o oitenta e cinco por cento dos traballos previstos e agárdase que a final do mes actual poida darse por finalizada a campaña. As actuacións están practicamente completadas nas estradas asfaltadas e nestes momentos estase intervindo nas últimas pistas e camiños forestais (principalmente, nas parroquias de Montemaior e de Erboedo).

Neste ano tan atípico o Concello adaptou as fases de desenvolvemento desta campaña municipal ás necesidades que requirían en cada momento as circunstancias debido ás restricións de mobilidade decretadas polas autoridades sanitarias. Por iso, os desbroces comezaron en torno a dúas semanas antes do habitual –a mediados de maio- nas catro parroquias de maior densidade de poboación (Torás, Lestón, Caión e Cabovilaño) para facilitar o tránsito a pé nos puntos de maior concentración de persoas e aumentar a seguridade despois de que Goberno central permitise os paseos e a actividade física ao aire libre. En total actuouse nuns 660 quilómetros da rede de estradas.

No relativo ás parcelas municipais, tamén están feitos a maioría dos traballos nos 150.000 metros cadrados de superficie, que inclúen zonas como o entorno do sendeiro azul de Caión, espazos de aparcamento das parroquias e outras áreas verdes e equipamentos tanto de entornos urbanos como rurais. En determinados casos preveuse durante a campaña de desbroce a realización de dúas e ata tres cortas no mesmo ámbito, e precisamente son esas intervencións en puntos nos que xa se actuara previamente as que restan por acometerse.

O Concello destina en torno a 100.00 euros procedentes integramente de fondos municipais ao financiamento destes traballos.