Concello
A oficina de turismo trasládase desde Caión á Casa do Concello
01/10/2020
Coa chegada do outono, o remate da temporada de praias e o descenso da afluencia de visitantes ás zonas costeiras, o Concello trasladou hoxe o servizo municipal que se estaba prestando na oficina de información turística de Caión ás dependencias da Casa Consistorial, onde estará dispoñible de luns a venres en horario de 8:00 a 15:00 horas.
Nun verán tan especial como o que vén de finalizar, a oficina de información turística de Caión estivo operativa nos meses de agosto e de setembro, período no que atendeu a 231 persoas. A inmensa maioría delas procedía de diversos puntos do territorio español (principalmente, de Madrid e doutras zonas de Galicia), sendo anecdótico (unicamente 5) os usuarios estranxeiros, todos eles orixinarios de Francia ou Alemaña.
Por norma xeral, o perfil medio dos turistas que acudiron a Caión foron parellas, familias con nenos e tamén grupos reducidos de amigos, sendo a estancia media de entre dez e doce días. As principais motivacións para escoller o Concello da Laracha como punto de destino foron, segundo os datos achegados polos propios turistas, a seguridade e tranquilidade que ofrece a zona, poder gozar dos entornos naturais e da gastronomía e a práctica de actividades deportivas como o sendeirismo e o surf.
Do Concello da Laracha destacan a gran extensión do municipio e os lugares de lecer axeitados para disfrutar deles en familia, como a praia de Caión e a área recreativa de Gabenlle. Tamén valoran a bandeira azul e as moitas opcións que teñen na Laracha para dar paseos a pé. Por tanto, ponse de manifesto que neste ano os turistas procuraron lugares abertos e ao aire libre para gozar das súas vacacións.
Para chegar ata o municipio o automóbil particular foi o transporte máis utilizado. A autocaravana é o medio de aloxamento que presenta un maior crecemento.
As preguntas máis frecuentes dos usuarios referíronse á Costa da Morte, á cidade da Coruña, aos horarios das misas dos Milagres de Caión e ás opcións existentes para realizar rutas de sendeirismo. Neste sentido preséntase un destacado incremento no volume de persoas que mostraron o seu interese por percorrer diferentes zonas do termo municipal seguindo os roteiros marcados polo Concello.
Ademais, unha das consultas máis recorrentes foi informarse sobre o modo de rexistro da visita a Galicia na web do Servizo Galego de Saúde, medida de control sanitario imposta pola Xunta de Galicia debido á crise do coronavirus.
En Caión, lugar no que se situou a oficina de turismo, os visitantes que acudiron á vila por primeira vez valoraron a riqueza paisaxística do entorno, a praia e o paseo marítimo. Tamén destacaron as rutas deseñadas pola realizar a pé pola vila e agradeceron que a Igrexa Parroquial da Nosa Señora do Socorro estivese aberta a diario.
Como as visitas máis curiosas están a dun mozo alemán que percorría a pé a costa para chegar á cidade da Coruña e, desde aló, facer o Camiño Inglés a Santiago de Compostela. Tamén a dunha parella de Cádiz que deseñaban unha ruta entre A Coruña e Malpica. En ambos casos acudiron á oficina para solicitar información e buscar un selo para certificar a súa estancia en Caión.