• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello incrementa a poboación en 128 habitantes desde o mes de marzo

29/09/2020

O Concello da Laracha conta con 11.544 habitantes, dos cales o 51,81% (5.866) son mulleres e o 49,19% (5.678) son homes. Ese son os datos globais a de hoxe que recolle o padrón municipal.

Na comparativa con respecto ao pasado mes de marzo ponse de manifesto que o número de empadroados incrementou en 128 persoas. En apenas sete meses rexistráronse 254 altas (das cales 208 foron por cambio de residencia e 43 por nacementos) e 126 baixas (78 por cambio de residencia e 46 por defuncións). Destes datos conclúese que durante a crise sanitaria da Covid-19 a cifra de persoas que estableceron a súa residencia no termo municipal da Laracha practicamente triplicou á das que se deron de baixa para vivir noutro municipio.

Por núcleos de poboación, as zonas urbanas foron as máis escollidas polos novos habitantes. Na vila da Laracha empadroáronse 151 persoas, 34 en Paiosaco e 23 en Caión. No rural chama a atención que desde marzo se deran de alta na parroquia de Cabovilaño a cifra de 54 persoas (das cales 22 se empadroaron no lugar de Arén) e os 39 novos veciños da parroquia de Vilaño.

Como datos de interese, na pirámide poboacional do Concello da Laracha reflíctese que a franxa de idade con maior número de habitantes é a que vai dos 40 aos 49 anos, con 2.054 persoas. Ademais hai 881 nenos menores de dez anos de idade e soamente catro persoas que superan o século de vida (tres mulleres e un varón).

Salientar, tamén, que entre a poboación larachesa hai 319 habitantes procedentes de 34 países estranxeiros diferentes, estando á cabeza Marrocos (70 persoas), Portugal (39), Brasil (30) e Italia (18).

O aumento da poboación é o mellor indicador de que o Concello da Laracha é considerado un bo lugar para vivir pola cidadanía, tanto para as persoas e familias que sempre residiron no municipio como para os que chegan desde outros lugares para establecer a súa residencia. A situación xeográfica, as oportunidades laborais, as boas comunicacións rodadas, a calidade dos entornos rurais e urbanos, o prezo da vivenda, e cobertura en servizos e os programas de conciliación da vida persoal, laboral e familiar son aspectos fundamentais que favorecen o incremento no número de habitantes.