• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Os tres puntos de recarga de vehículos eléctricos creados no Concello polo Grupo HL Energía xa están operativos

24/09/2020

Os usuarios de vehículos eléctricos xa teñen á súa disposición tres puntos de recarga en espazos públicos do termo municipal da Laracha que foron creados e postos en funcionamento por Grupo HL Energía coa colaboración do Concello.

As estacións sitúanse no casco urbano da Laracha (praza Olonne sur Mer, xunto ao IES Agra de Leborís), no polígono industrial (fronte o viveiro de empresas) e no campo da feira de Paiosaco (a carón da Avenida Bergantiños). Precisamente este último lugar foi o punto de encontro do alcalde, José Manuel López Varela, e do tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, coa directora do Grupo HL Energía –Eva Martínez Cestafe- e o director técnico –Juan Arijón-.

Na xuntanza fíxose unha demostración do funcionamento dos postes de recarga, que teñen unha potencia de 22 quilovatios (kW) e dispoñen de dúas tomas, polo que poderá darse servizo simultaneamente a seis vehículos entre as tres localizacións. Para poder empregalos é preciso que o usuario descargue unha aplicación móbil a través da que tamén se realiza o pago do servizo. As instrucións para facelo están dispoñibles nas propias estacións de recarga

A creación destes puntos de recarga de vehículos eléctricos promóvese coa dobre finalidade de ofrecer o servizo á cidadanía en espazos públicos e de impulsar e fomentar o uso de enerxías limpas no sector do transporte, favorecendo a redución de emisións de carbono e gases de efecto invernadoiro e, por tanto, mellorando a calidade do aire e reducindo a contaminación acústica.