• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

O CONCELLO DA LARACHA PORÁ EN MARCHA NO VERÁN O PROGRAMA DE FORMACIÓN Á MOCIDADE “DESEÑANDO O TEU FUTURO”

28/06/2016

O Concello da Laracha, coa colaboración económica da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, porá en marcha durante o verán o novidoso programa de apoio á formación para a mocidade Deseñando o teu futuro.   

A iniciativa vai dirixida a mozos de entre 14 e 18 anos de idade, aos que se lles ofrecerá a posibilidade de adquirir experiencia profesional en diferentes sectores por medio da realización de prácticas en establecementos comerciais e empresas radicadas no termo municipal da Laracha. Durante o seu labor no marco deste programa, estarán titorizados permanentemente por persoal das empresas e tamén do Concello para orientalos, asesoralos, formalos e axudalos a desempregar o traballo do xeito correcto.   

A duración das estadías será de quince días, con xornadas de traballo de catro horas. Ao rematar as prácticas de xeito óptimo, os participantes recibirán o un certificado homologado pola Xunta de Galicia co que poderán documentar de oficialmente a experiencia adquirida.   

O Concello da Laracha convoca vinte prazas no marco deste programa. Todos os mozos que desexen formar parte do procedemento de selección deben formalizar a súa preinscrición acudindo á Casa Consistorial, onde tamén poderán ampliar información sobre os sectores profesionais que se lles ofrecen para desenvolver a súa estadía.   

Deseñando o teu futuro é un programa formativo especialmente dirixido a estudantes de ESO e Bacharelato ou rapaces que a rematan este ano, así como a alumnos de formación profesional básica.   

Desde o Concello da Laracha mostramos o noso agradecemento ás empresas e establecementos comerciais que colaboran na posta en marcha desta iniciativa, que permitirá aos participantes adquirir coñecementos que lles axuden a descubrir cal pode ser a súa vocación profesional e proporcionarlles a posibilidade de ter un primeiro contacto coa realidade socio-laboral, facilitándolles que adquiran unha experiencia que lles permita decidir a súa futura traxectoria.

Compartir: