• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello lembra que o incumprimento das obrigas de conservación dos terreos privados implica multas coercitivas como medio de execución forzosa

16/09/2020

A Lei 2/2016 do Solo de Galicia establece o deber legal dos propietarios dos terreos de mantelos en bo estado de conservación nas condicións óptimas de seguridade, salubridade, ornato público e prevención de incendios. Ademais, a Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia e a Lei 7/2012 de Montes de Galicia fixan as distancias mínimas a ter en conta nas plantacións forestais.

En cumprimento destas normativas, o Concello tramitou durante este ano máis de douscentos expedientes para notificar a necesidade de acometer ditas actuacións aos propietarios dos terreos que, segundo os informes da Policía Local, non cumprían o establecido nas citadas leis.

Todos os anos o Concello da Laracha desenvolve unha campaña informativa sobre estas cuestións, con especial incidencia na primavera e no verán por tratarse das épocas de maior crecemento da biomasa, aínda que tamén nos meses restantes se levan a cabo actuacións dirixidas a cumprir as condicións de seguridade, hixiene, salubridade e ornato público dos terreos privados. O Concello agradece á veciñanza a súa implicación e sensibilización co mantemento en bo estado de conservación das parcelas privadas, dado que por norma xeral ditos labores se acometen en tempo e sen necesidade de requirimentos previos.

Sen embargo, a aqueles propietarios que foron notificados e non acometeron as actuacións oportunas o Concello comezará nos próximos días a impoñerlles multas coercitivas de entre 1.000 e 10.000 euros como medio de execución forzosa para que procedan a dar cumprimento das súas obrigas.