• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello organiza un “Outono de Contos” para promocionar a lectura entre o público infantil

19/09/2020

O Concello da Laracha porá en marcha nesta semana un novo programa infantil que pretende o triplo obxectivo de ofrecer aos nenos unha alternativa divertida para o seu tempo de ocio, favorecer a conciliación da vida persoal e laboral dos seus pais e, como aspecto central, fomentar a lectura entre os máis pequenos da casa.

Esta nova edición de Outono de contos volverase organizar coa colaboración da Xunta de Galicia no marco do programa de dinamización da lectura Ler conta monto para a Rede de Bibliotecas de Galicia. Dos dez espectáculos, nove van dirixidos a nenos a partir dos catro anos de idade e comezarán ás 18:00 horas e un deles –o do 4 de outubro- é un contacontos para bebés (0 a 3 anos) que principiará ás 12:00 horas.

Como medida de seguridade, é obrigatorio o uso de máscara para todos os asistentes e cada neno poderá ir acompañado unicamente dun adulto. A entrada é gratuíta e ata completar o aforo máximo permitido.

A relación de datas, espectáculos e lugares de celebración é a seguinte:

 

Biblioteca municipal da Laracha

  • Venres 25 de setembro: Os contos da bruxa Chispún, de Teatro Calavera.
  • Domingo 4 de outubro (contacontos para bebés a partir das 12:00 horas): Que animaliño é?, de Trémola Teatro.
  • Martes 6 de outubro: Estrafalaria, de Xarope Tulú.
  • Venres 16 de outubro: Contacontos, de Migallas Teatro.

Biblioteca municipal de Paiosaco

  • Martes 22 de setembro: Maxia de aquí e de acolá, con Dani Méndez.
  • Mércores 14 de outubro: Os contos da bruxa Chispún, de Teatro Calavera.
  • Venres 23 de outubro: Aprendendo a querer, de Trinketrinke Teatro.

Biblioteca municipal de Caión

  • Mércores 30 de setembro: O coelliño branco, de Trinketrinke Teatro.
  • Venres 9 de outubro: O xigante, de Elefante Elegante.
  • Martes 20 de outubro: Os soños na gaiola, de Títeres Alakrán.