Concello
A execución do proxecto de mellora da estrada entre Santa Margarida e A Silva iniciarase nos próximos días
04/09/2020
Nos próximos días comezarán as obras de execución do proxecto de mellora da estrada entre Santa Margarida (parroquia de Montemaior) e A Silva (límite co municipio de Cerceda). A actuación formará parte do Plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas, impulsado pola Consellería do Medio Rural a través do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) e cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).
A actuación consiste na completa renovación do firme desta vía, que é de gran importancia ao comunicar as fincas agrícolas desa zona coa estrada DP-2404 que dirixe á Silva e dar tamén acceso ao termo municipal de Carballo por Paradela. Presenta unha lonxitude de 1.250 metros e unha anchura media superior aos cinco metros nos que se mellorará tanto a plataforma de rodadura dos vehículos como a drenaxe da estrada para reforzar a seguridade.
O orzamento do proxecto ascende a 65.434,08 euros, dos cales a Xunta de Galicia achegará 53.961 euros. O Concello asumirá a parte restante con fondos propios municipais.