• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Educación

O comité de seguimento ante a Covid-19 valora o inicio do curso escolar

14/09/2020

Hoxe celebrouse unha nova reunión do comité municipal de seguimento ante a Covid-19, no que participaron o alcalde, José Manuel López Varela, os catro concelleiros con áreas de goberno delegadas, o xefe da Policía Local e o secretario do Concello.

Na sesión deuse conta do inicio do curso escolar sen incidentes na escola infantil A Galiña Azul nin nos CEIPs Otero Pedrayo da Laracha, Alfredo Brañas de Paiosaco e Caión, nos que o Concello reforzou a frecuencia das limpezas e desinfeccións durante o horario lectivo en cumprimento do protocolo establecido pola Xunta de Galicia. Cabe lembrar que representantes do goberno local –encabezados polo alcalde- mantiveron reunións cos directores dos centros días antes do regreso ás aulas para ultimar os preparativos e revisar os protocolos de actuación na volta da actividade.

Coincidindo co inicio do curso tamén se retomou o programa Madrugadores e o servizo de aula lúdica recuperou o seu horario de tarde nas instalacións do edificio de servizos múltiples despois de que no verán se prestase pola mañá no colexio da Laracha.

O comezo das clases tamén supón o regreso do programa Educa en positivo -impulsado polo Concello e a Consellería de Política Social- que pretende responder dun xeito integral ás necesidades educativas daquelas familias con menores ao seu cargo e que se atopan en situación de vulnerabilidade ou risco de exclusión social.

En relación á programación cultural e deportiva de inverno, informouse que o Concello non porá en marcha polo momento ningún curso ou actividade. O que si se desenvolverá –con medidas de prevención e seguridade específicas- será un programa infantil dirixido ao fomento da lectura cuxos contidos se anunciarán nos próximos días.

Sobre as Festas dos Milagres de Caión púxose de manifesto o estrito cumprimento das medidas de prevención na Igrexa Parroquial da Nosa Señora do Socorro, onde se desenvolveron todos os actos relixiosos. A Policía Local e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil cooperaron no control de accesos e no labor de evitar as aglomeracións de persoas. Aínda que a afluencia de xente durante toda a semana foi moi importante, non se produciu ningún incidente e as misas celebráronse en todo momento cun estrito cumprimento de todas as medidas preventivas e gardándose a distancia social no interior do templo.

Tamén na feira de Paiosaco puido realizarse a actividade sen incidencias. Na última, celebrada o 6 de setembro, so se permitiu a instalación de postos de produtos do campo e de alimentación. Mentres as autoridades sanitarias manteñan as medidas de prevención específicas no Concello da Laracha, a feira de Paiosaco continuarase desenvolvendo con esas mesmas restricións.