Concello
O Concello continúa desenvolvendo unha dobre intervención no paseo fluvial do Anllóns
05/09/2020
O paseo fluvial do Anllóns que bordea o río nunha distancia duns dous quilómetros e medio desde a área recreativa de Gabenlle ata a ponte do Formigueiro constitúe un dos recursos sociais, medioambientais e turísticos máis destacados do termo municipal da Laracha por tratarse dunha infraestrutura de uso diario por parte da veciñanza, que tamén atrae visitantes e que, polo seu emprazamento e características, presenta unha notable riqueza natural e paisaxística.
O Concello da Laracha está a executar desde o inicio do verán unha dobre intervención de mellora tanto no propio paseo fluvial como no seu entorno cos propósitos de poñer en valor esta infraestrutura municipal e reparar os danos que se produciran polos temporais de principios de ano e que non puideran resolverse durante a primavera debido ao confinamento pola Covid-19.
Así, desde hai xa máis de dous meses a especialidade de carpintería de madeira do Obradoiro de Emprego A Laracha V –programa cofinanciado entre o Concello e a Xunta de Galicia- está a actuar na renovación das táboas da pasarela peonil, tanto das que conforman o espazo de circulación como as da balaustrada.
Os dez alumnos traballadores da citada especialidade, acompañados polo persoal docente, centran neste punto a totalidade das súas actuacións, que tamén conforman a parte práctica do seu procedemento de aprendizaxe da profesión, a que é outra das bases fundamentais da organización deste programa dual de formación e emprego.
O importante volume dos traballos que se están a executar no paseo fluvial evidénciase nos datos económicos. O Obradoiro de Emprego A Laracha V conta con dúas especialidades –carpintería de madeira e pintura industrial- con dez alumnos traballadores en cada unha delas e cinco persoas que forman o equipo directivo, docente e administrativo. O seu orzamento total, incluíndo os soldos do persoal e as obras, ascende a 863.000 euros. Máis da terceira parte, 302.000 euros, destináronse exclusivamente á adquisición do material para a renovación do paseo fluvial.
Por outra banda, as cuadrillas medioambientais municipais, operativas desde o verán, tamén están centrando a súa actividade no entorno do paseo fluvial, aínda que neste caso no propio río. Os traballos que están a acometer consisten na limpeza integral do lixo e a retirada dos residuos vexetais que causan o estancamento da auga, especialmente troncos e árbores caídas. Esta época do ano, na que o río leva un menor nivel de auga, é a idónea para o desenvolvemento deste tipo de intervencións.