• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Xunta anuncia restricións no Concello da Laracha como medida de prevención ante a covid-19

02/09/2020

Responsables da Consellería de Sanidade comunicaron hoxe ao Concello da Laracha que no termo municipal se aplicarán restricións específicas por seguridade ante a Covid-19, estendéndose as mesmas medidas que xa se tomaran en varios concellos da área metropolitana da cidade da Coruña desde o 8 de agosto.

Segundo foi comunicado pola Xunta de Galicia ao Concello da Laracha, ditas restricións serán publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) esta tarde e entrarán en vigor para o seu cumprimento obrigatorio ás 00:00 horas.

As medidas de maior relevancia son as seguintes:

  • Quedarán limitados a un máximo de dez persoas os grupos para o desenvolvemento de calquera actividade ou evento, sexa na vía pública ou espazos privados, excepto que se trate de persoas convivintes.
  • Os locais de hostalería non poderán superar o 50% da súa capacidade tanto no interior do local como nas terrazas. Non se permitirá o consumo en barra.
  • Deberán permanecer pechados os establecementos de ocio nocturno.
  • Os velorios poderán realizarse cun máximo de 25 persoas en espazos ao aire libre e de 10 persoas en espazos pechados.
  • A asistencia a lugares de culto non poderá superar o 50% da súa capacidade e non se permitirá empregar o exterior de edificios nin a vía pública para a celebración de actos relixiosos.
  • As feiras non poderán superar o 50% dos postos habituais autorizados.

Tendo en conta estas restricións, o Concello da Laracha celebrará mañá unha comisión de seguimento ante a Covid-19 na que se tomarán unha serie de decisións ao respecto, entre as que cabe salientar:

  • Suspensión de todos os actos culturais e recreativos das Festas dos Milagres de Caión. Ademais, unha vez postos en contacto co párroco de Caión, acordouse que as misas previstas inicialmente no Santuario dos Milagres celebraranse na súa totalidade na Igrexa Parroquial e cumprindo estritamente o aforo máximo do 50% da capacidade.
  • A feira de Paiosaco do próximo domingo limitarase á venda de produtos de alimentación e do campo. Os postos outorgaranse por orde de chegada e deberán ser instalados baixo supervisión municipal. O recinto permanecerá valado e controlaranse os accesos para cumprir o aforo máximo.
  • A praia de Caión e a área recreativa de Gabenlle permanecerán abertas ao público, pero coa restrición xeral dun máximo de dez persoas por grupo.

Do mesmo xeito que desde que xurdiu en marzo a alerta sanitaria, o Concello da Laracha lembra unha vez máis que está á disposición da cidadanía para asistir, atender e acompañar a aquelas persoas que estean afectadas pola Covid-19 e ás súas familias, poñendo á súa disposición medios materiais e humanos e sempre cumprindo estritamente os protocolos de seguridade e a confidencialidade establecida na lei de protección de datos.

Así mesmo, lémbrase que os datos de casos activos son competencia exclusiva das autoridades sanitarias e ofrécense por áreas sanitarias.

Por último, desde o Concello da Laracha solicitamos a colaboración cidadá para o cumprimento destas novas restricións para a prevención da Covid-19.