• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O obradoiro de emprego realiza unha ampla actuación na Casa do Concello

07/08/2020

No Concello da Laracha continúa desenvolvéndose a actividade do obradoiro de emprego A Laracha V, o programa dual de formación e emprego promovido e financiado polo Concello e a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia. Participan vinte alumnos traballadores –dez en cada unha das dúas especialidades-, ademais das cinco persoas que forman o equipo directivo, docente e administrativo.

A especialidade de pintura industrial está a traballar desde hai varios días na Casa Consistorial, con tres intervencións diferenciadas. A máis ampla afecta ás fachadas exteriores do edificio, nas que se fixo unha profunda limpeza e que agora están a ser repintadas. Simultaneamente, no interior estase a mellorar o salón de Plenos e, xa antes do confinamento, actuárase tanto na planta baixa como no canón das escaleiras.

Unha vez completados os traballos previstos na Casa do Concello, o seguinte punto de intervención será o centro sociocultural de Paiosaco e, a continuación, os báculos de iluminación pública e as pistas polideportivas descubertas de O Vilar (Cabovilaño) e Cumiáns (Montemaior). Cabe lembrar que esta especialidade tamén acometera a principios de ano as actuacións previstas tanto na Casa da Cultura da Laracha como no edificio administrativo.

Mentres, a outra especialidade, a de carpintería de madeira, centra a súa actividade na renovación da pasarela do paseo fluvial do Anllóns.

O obradoiro de emprego A Laracha V, que rematará no mes de decembro, ten un orzamento total de 863.000 euros. O Concello e a Xunta de Galicia continúan apostando por estes programas duais de formación e emprego que permiten aos alumnos-traballadores acceder a unha remuneración económica durante o seu desenvolvemento, aprender unha profesión e realizar actuacións de interese xeral para a veciñanza do termo municipal. Ao completar a especialidade correspondente recibirán o certificado de profesionalidade que acreditará a súa formación, cualificación e competencia para o exercer a profesión, mellorando por tanto a súa empregabilidade e facilitando a posterior inserción no mercado laboral.