• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello promove a modificación do proxecto sectorial do polígono industrial para adaptar a normativa ás necesidades das empresas

04/08/2020

A modificación puntual número 2 do proxecto sectorial do polígono industrial da Laracha que promove o Concello estará en fase de exposición pública de trámite de avaliación ambiental estratéxica durante os próximos corenta e cinco días. O documento pode consultarse ao completo na web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Este cambio normativo ten por finalidade alterar determinados aspectos do texto normativo para adaptalos ás novas necesidades que presentan as empresas e, por tanto, facilitar a súa implantación. Os termos desta proposta foron consensuados entre o Concello e Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), a sociedade pública que urbanizou e comercializa o solo do polígono.

Entre as modificacións formuladas están a mención expresa ao sector de investigación e desenvolvemento (I+D), que se incluirá dentro das actividades de uso industrial. Ademais, eliminaranse os 600 metros cadrados de límite de superficie máxima en categoría 1ª, o que na práctica permitirá a agrupación de parcelas e, por tanto, a implantación de empresas que precisen de espazos máis amplos para a construción das súas instalacións. Tamén se permitirá o cambio de uso de terciario a industrial en determinadas parcelas debido a escaseza de demanda para ese tipo de actividades debido á situación xeográfica do polígono. Do mesmo xeito, mellorarase a ordenación ofrecendo como usos asociados o hostaleiro, oficinas e administración.

Por outra banda, adaptaranse as alturas máximas permitidas ás necesidades actuais debido aos avances tecnolóxicos dos últimos anos, especialmente importantes para a loxística e almacenaxe.

Salientar tamén que o novo texto permitirá expresamente o autoconsumo eléctrico por parte das sociedades implantadas no parque empresarial.

Todos os aspectos normativos que se pretenden realizar terán unha incidencia positiva nas variables social, económica e tamén medio ambiental ao promover o aforro enerxético, polo que a modificación do proxecto sectorial do parque empresarial é considera polo Concello de interese público e xeral.