• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

A Xunta e o Concello da Laracha asinan o convenio que permitirá incrementar a capacidade de tratamento da Edar

22/06/2016

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde da Laracha, José Manuel López, asinaron o convenio de colaboración para a ampliación e mellora da Edar da localidade, unha actuación na que o Goberno galego investirá dous millóns de euros e que se executará ao longo dos próximos 24 meses.

Ambos responsables ratificaron este acordo na Laracha, durante unha visita da conselleira, quen puxo en valor o “grande esforzo económico” que vai facer o Goberno galego para incrementar a capacidade de tratamento desta infraestrutura hidráulica, moi especialmente no referido ao caudal máximo, que vai pasar de 125 metros cúbicos por hora a preto de 250, “isto é, practicamente o dobre”. 

Polo tanto, este proxecto vai permitir dar solución a situacións que se producían ata agora cando o caudal resultaba insuficiente. A ampliación desta infraestrutura está deseñada para dar servizo a 7.650 habitantes equivalentes. “Temos en conta o rápido crecemento do concello”, subliñou Mato. 

Esta iniciativa inscríbese na aposta da Xunta polo saneamento das masas de auga, unha liña de traballo na que se ten realizado un “inxente traballo de planificación, programación de investimentos e de execución de obras, o que se traduce no maior esforzo da historia da autonomía neste eido”.

Compartir: