• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O libro “O río Anllóns. Arteria principal de Bergantiños” presentarase este venres na área recreativa de Gabenlle

03/08/2020

O Instituto de Estudios Bergantiñáns vén de publicar, coa colaboración do Concello da Laracha –entre outras institucións-, o libro O río Anllóns. Arteria principal de Bergantiños.

A obra será presentada este venres nun acto aberto a todos os públicos que organiza o Concello e que se vai desenvolver a partir das 20:00 horas nun lugar tan simbólico como a área recreativa de Gabenlle, xunto ao río Anllóns e a carón dun dos extremos do paseo fluvial que comunica este lugar co Formigueiro, bordeando o río ao longo dunha distancia duns dous quilómetros e medio.

Os cinco autores do libro realizarán cadansúa breve exposición sobre as diferentes temáticas que aborda a publicación. Así, Xan Fernández, presidente do Instituto de Estudos Bergantiñáns, realizará unha presentación sobre como se levou a cabo o proxecto e explicará as características da parte alta do río, mentres que Evaristo Domínguez abordará a parte baixa, desde Carballo ata a desembocadura. O biólogo Antón García Losada centrará a súa intervención nos espazos naturais do Anllóns. Fernando Cabeza Quiles, experto en toponimia, falará da hidrotoponomia da zona. Por último, a temática da intervención do profesor de historia Luis Giadás Álvarez xirará en torno ao Anllóns como personaxe literaria.

O acto será presidido polo alcalde, José Manuel López Varela, e será amenizado cunha actuación musical en directo. Realizarase respectando estritamente as medidas de seguridade establecidas polas autoridades sanitarias, polo que todos os asistentes deberán acudir con máscaras.