• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Rematou o prazo de solicitude das axudas municipais ao fomento do emprego con 211 presentadas por empresas e autónomos

29/07/2020

Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes na convocatoria de subvencións para o fomento do emprego mediante o impulso da actividade económica para paliar os efectos da Covid-19, son un total de 211 empresas e autónomos os posibles beneficiarios desta liña de axudas municipais.

Nos próximos días os técnicos do Concello revisarán todas as solicitudes para comprobar que cumpren os criterios establecidos nas bases da convocatoria como paso previo á concesión das axudas.

Os beneficiarios percibirán ata un máximo de 2.100 euros, cunha contía fixa inicial de 600 euros que se incrementará en 300 euros máis por autónomo ou empregado ata o citado tope.

O Concello destina a esta liña de subvencións a cantidade de 220.143,94 euros, partida que se financia integramente con fondos municipais.

Deste xeito o Concello contribúe a facilitar o cumprimento das obrigas dos empresarios e autónomos que foran obrigados a suspender a apertura ao público ou que sufriran minoración da súa facturación debido ao decreto do estado de alarma do 14 de marzo. Deste xeito axúdase a que poidan manter a súa actividade e, por tanto, coopérase na protección e conservación do emprego.