• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O presidente da Comisión de Festas de Santa María de Torás comunica ao Concello a suspensión das festas da Laracha

14/07/2020

O presidente da Comisión de Festas Santa María de Torás –a parroquia na que se sitúa a capital municipal-, Josecho Campos, reuniuse hoxe co alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira responsable da área de Festas, Patricia Bello, para comunicarlles que neste verán suspenden a organización das festas patronais da Laracha.

A decisión foi tomada por responsabilidade ante a situación sanitaria derivada da crise da Covid-19 e para evitar que se repitan na Laracha os eventos multitudinarios doutros anos a mediados do mes de agosto.

Por tanto, neste ano non haberá as tradicionais verbenas nin sesións vermú a cargo da Comisión de Festas.

Sen embargo, nesas datas o Concello organizará un programa cultural e recreativo a desenvolver ao aire libre, dirixido a todos os públicos e controlando o cumprimento das medidas de seguridade.

O venres 14 entre as 20:00 e as 21:30 horas celebrarase o festival das artes inclusivas Diversidarte, que incluirá concerto musical e espectáculo de danza tradicional venezolana. Despois, a partir das 22:00 horas, o polifacético artistas Cándido Pazó actuará na Praza da Cultura.

Na fin de semana haberá espectáculos de rúa, en ambos casos a partir das 19:00 horas. O sábado 15 de agosto Circo Chosco traerá á Laracha Forzu2+ aéreos, no que combinan o humor coas acrobacias e os trucos circenses.  O domingo 16, Inventi Teatro escenificará o seu espectáculo teatral A gran viaxe.

O Concello contará coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña na organización deste eventos.