PROFESIONAIS DOS SECTORES RELACIONADOS COA SEGURIDADE OFRECERÁN O SÁBADO UNHA XORNADA LÚDICA E INFORMATIVA
17/06/2016
Profesionais dos diferentes sectores relacionados coa seguridade cidadá estarán o sábado na Laracha para ofrecer á cidadanía unha xornada explicativa sobre o seu labor e formativa para que a veciñanza poida aprender cuestións básicas no caso de atoparse ante situacións de emerxencia.
O evento é organizado polo Concello da Laracha e a Club de Salvamento Acuático Laracha (SAL) coa colaboración da Policía Local, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, a Garda Civil e o Consorcio Provincial da Coruña Contra Incendios e Salvamento. Vaise desenvolver no baixo da biblioteca municipal da Laracha (charlas e conferencias) e na explanada que está xusto fronte a estas instalacións (demostracións prácticas, xogos, exposicións e exhibicións).
Trátase dunha proposta dirixida a todos os públicos na que desde o Concello da Laracha animamos a participar e disfrutar dela en familia, xa que varias das iniciativas terán un carácter lúdico e están pensadas para que participen os nenos.
Entre os contidos do programa trataranse cuestións como o labor dos equipos de socorrismo e salvamento que actúan nas praias ao longo do verán, explicación e demostracións sobre primeiros auxilios (respiración cardiopulmonar, inmobilizacións ante casos de fracturas e hemorraxias), obradoiros de emerxencias (emprego de extintores, como actuar ante pequenos incendios domésticos, etc.), conferencia sobre delitos telemáticos, información sobre a avespa asiática e simulacros de seguridade viaria.
Precisamente relacionado con esta última cuestión a Policía Local da Laracha habilitará un circuíto de educación viaria con karts no que se convidará a realizar os percorridos a nenos de entre 4 e 12 anos de idade para que poidan coñecer o significado da sinalización básica que poden atopar nas estradas.
O horario da xornada será de mañá (de 10:00 a 13:00 horas) e de tarde (de 16:00 a 19:00). Non hai necesidade de inscribirse previamente e a participación é gratuíta.
Ao remate da xornada o Club SAL tamén organizará a fin de festa, consistente nunha churrascada amenizada pola Disco Móbil Movemento e con inchables de balde para os cativos.