• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello transformará a parada de taxis xunto á Praza do Concello

08/07/2020

O Concello iniciará nos próximos días o procedemento de contratación da execución de proxecto dirixido a transformar a parada de taxis existente a carón da praza do Concello, na céntrica Avenida de Caión da capital municipal.

A actuación ten por finalidade mellorar a accesibilidade e adecuar ese espazo en beneficio de todos, tanto dos peóns como dos condutores e, por suposto, dos profesionais do sector do taxi que prestan este servizo público no termo municipal da Laracha e dos seus usuarios, dado que terán unha maior comodidade para entrar e saír dos vehículos.

Actualmente a parada de taxi conta con prazas de estacionamento en diagonal entre a zona de circulación e unha beirarrúa dun metro de amplitude que dá acceso á praza do Concello.

O proxecto contempla recolocar as prazas da parada de taxis para realizar o estacionamento en liña, gañándose así un espazo que permitirá ampliar a beirarrúa ata o dobre da anchura actual e separar a zona de estacionamento do ámbito de circulación.

A actuación deseñada polo Concello será financiada integramente con fondos propios municipais.