• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello iniciará nos próximos días o procedemento de contratación da mellora da estrada entre Santa Margarida e A Silva

06/07/2020

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Consellería do Medio Rural, vén de trasladar ao Concello da Laracha a resolución da concesión da achega económica para a execución do proxecto de mellora da estrada da parroquia de Montemaior que vai desde Santa Margarida á Silva. A actuación formará parte do Plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas, impulsado polo Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) e cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Por tanto, nos próximos días o Concello da Laracha iniciará o procedemento de contratación deste proxecto que consiste na completa renovación do firme desta vía, que é de gran importancia ao comunicar as fincas agrícolas desa zona coa estrada DP-2404 que dirixe á Silva (concello de Cerceda) e dar tamén acceso ao termo municipal de Carballo por Paradela. Presenta unha lonxitude de 1.250 metros e unha anchura media superior aos cinco metros nos que se mellorará tanto a plataforma de rodadura dos vehículos como a drenaxe da estrada para reforzar a seguridade.

O orzamento do proxecto ascende a 65.434,08 euros, dos cales a Xunta de Galicia achegará 53.961 euros. O Concello asumirá a parte restante con fondos propios municipais.