Concello
O Concello instalará un parque biosaudable en Paiosaco
06/07/2020
Paiosaco contará en próximas datas cun parque biosaudable. O Concello instalará este equipamento na zona da Porta Santa, nunha parcela de titularidade municipal moi próxima ao centro sociocultural da vila.
Deste xeito o Concello aposta por continuar ofrecendo aos veciños novas posibilidades de ocio que, ao mesmo tempo, fomentan a realización de actividades físicas e, por tanto, son beneficiosas para a saúde dos usuarios.
Este será o quinto circuíto biosaudable co que contará o Concello. Os outros catro que están operativos actualmente sitúanse na área recreativa de Gabenlle, parque Maximino Canedo (A Laracha), paseo marítimo de Caión e urbanización Monte Claro (Cabovilaño).
Os obxectivos fundamentais da presenza dos parques biosaudables son influír positivamente sobre as persoas maiores para conseguir cambios efectivos nos seus hábitos de vida, evitar o deterioro psicomotor coa práctica de actividade física e, entre outros, ampliar a oferta de instalacións deportivas que existe no termo municipal.

