• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O obradoiro de emprego xa actúa na mellora da pasarela de madeira do paseo fluvial do Anllóns

07/07/2020

A especialidade de carpintería de madeira do Obradoiro de Emprego A Laracha V comezou a traballar na mellora do paseo fluvial do Anllóns.

Despois de que o pasado día 1 de xullo volvese a actividade a este programa dual de formación e emprego organizado polo Concello  e a Xunta de Galicia, as dez persoas que forman o alumnado traballador da citada especialidade –baixo a supervisión do profesorado- iniciaron as actuacións que estaba previsto comezar na pasada primavera, pero que tiveron que aprazarse debido á situación derivada da Covid-19.

O importante volume dos traballos a executar durante as próximas semanas evidénciase nos datos económicos. O Obradoiro de Emprego A Laracha V conta con dúas especialidades –carpintería de madeira e pintura industrial- con dez alumnos traballadores en cada unha delas e cinco persoas que forman o equipo directivo, docente e administrativo. O seu orzamento total, incluíndo os soldos do persoal e as obras, ascende a 863.000 euros. Máis da terceira parte, 302.000 euros, destínanse exclusivamente á adquisición do material para a renovación do paseo fluvial.

Tamén a outra especialidade do obradoiro, a de pintura industrial, reiniciou a súa actividade e nestes momentos centra os seus traballos tanto no interior como nas fachadas exteriores da Casa da Concello. Outros puntos de intervención serán o centro sociocultural de Paiosaco, as pistas polideportivas descubertas de O Vilar (Cabovilaño) e Cumiáns (Montemaior) e os báculos da iluminación pública.