• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello presenta á Xunta de Galicia un programa educativo dirixido á inclusión social de familias en risco

20/09/2019

Na última sesión da Xunta de Goberno Local acordouse solicitar a participación na convocatoria de subvencións da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia dirixida ás Corporacións Locais para o desenvolvemento de iniciativas que favorezan a inclusión social de colectivos en risco.

O programa deseñado polo Concello da Laracha titúlase Educa en positivo e, por medio de dúas accións diferenciadas e complementarias, pretende responder dun xeito integral ás necesidades educativas daquelas familias con menores ao seu cargo e que se atopan en situación de vulnerabilidade ou risco de exclusión social.

Unha das accións denomínase Un paso adiante e ofrecería un reforzo educativo para  menores fora do horario lectivo, apoiándoos no desenvolvemento das tarefas escolares para favorecer a igualdade de oportunidades entre o alumnado.

Aprendemos xuntos sería a outra das accións, neste caso centrada na orientación e formación ás familias con menores para o exercicio dunha parentalidade positiva. O propósito esencial é dotar aos participantes coas competencias e habilidades que melloren a calidade da actuación parental e da vida familiar.

Educa en positivo trátase dun programa dirixido exclusivamente a familias e persoas que son atendidas polos servizos sociais municipais.