• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello entrega máis de medio centenar de composteiros domésticos a residentes no rural

02/07/2020

A Casa da Cultura acolleu este mércores o acto de entrega dos composteiros domésticos que o Concello, coa colaboración da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), puxo de xeito gratuíto a disposición das persoas residentes no rural. O acto tamén incluíu unha sesión informativa sobre o seu uso impartida por un técnico especializado.

A entrega dos composteiros fíxose a máis de medio centenar de persoas que o solicitaran previamente no Concello. Os cidadáns residentes en zonas rurais do termo municipal da Laracha que non fixeron ese trámite e desexan formar parte do programa de compostaxe doméstica e recibir o seu composteiro, poden solicitalo no rexistro do Concello ou a través da sede electrónica municipal.

A compostaxe doméstica consiste na reciclaxe en orixe da materia orgánica, converténdoa nun abono natural con excelentes propiedades para o solo e que o propio particular pode utilizar no seu xardín, horta ou terras de cultivo, substituíndo aos fertilizantes artificiais.

Con esta iniciativa procúrase o dobre obxectivo do respecto ao medioambiente e tamén económico, xa que, por unha parte, as vivendas produtoras de compost poderán utilizado para o seu uso persoal e, ademais, reducirase a carga de residuos sólidos urbanos que se depositan nos colectores.