• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello e Sogama entregarán os composteiros domésticos o mércores

27/06/2020

O mércores da próxima semana, día 1 de xullo, o Concello da Laracha e a Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) farán entrega dos composteiros domésticos ás persoas que se sumaron á campaña de compostaxe rural individual.

O acto desenvolverase na Casa da Cultura da Laracha a partir das 20:00 horas e incluirá unha charla informativa e explicativa sobre o correcto emprego dos composteiros impartida por persoal técnico de Sogama.

Cabe lembrar que o acto de entrega deste material charla informativa estaba programado para realizarse a mediados de marzo e tivo que suspenderse debido á entrada en vigor do estado de alarma.

A entrega dos composteiros farase a aquelas persoas que o solicitaran previamente no Concello. Os cidadáns que non fixeron ese trámite e desexen formar parte da campaña de compostaxe doméstica, aínda poden solicitalo no rexistro do Concello ou a través da sede electrónica municipal.

A compostaxe doméstica non é máis que a reciclaxe en orixe da materia orgánica, converténdoa nun abono natural con excelentes propiedades para o solo e que o propio particular pode utilizar no seu xardín, horta ou terras de cultivo, substituíndo aos fertilizantes artificiais.

Con esta iniciativa procúrase o dobre obxectivo do respecto ao medioambiente e tamén económico, xa que, por unha parte, as vivendas produtoras de compost poderán utilizado para o seu uso persoal e, ademais, reducirase a carga de residuos sólidos urbanos recollidos nos colectores.