• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello presenta un programa de verán centrado nas actividades infantís dirixidas a facilitar a conciliación

27/06/2020

O Concello da Laracha presenta o programa de verán de actividades culturais, deportivas e de ocio que se desenvolverá desde a segunda semana de xullo e ata principios do mes de setembro. Nesta ocasión a programación estará adaptada ás especiais circunstancias provocadas pola Covid-19, sendo limitadas as prazas ofertadas na maioría das propostas para cumprir os aforos máximos permitidos e obrigatorio que os participantes acudan a elas con máscaras. A maioría das actividades van dirixidas ao público infantil xa que un dos obxectivos esenciais é facilitar a conciliación da vida persoal e laboral das familias con nenos ao seu cargo. O prazo para anotarse abrirase o luns, outorgándose as prazas dispoñibles -un total de 398 entre todas as disciplinas- por estrita orde de inscrición.

Neste verán non se poderán celebrar os tradicionais campamentos municipais na praia de Caión, que son substituídos polos campamentos multiactivos que se levarán a cabo no campo de fútbol e pavillón municipais da Laracha en catro quendas de cinco días de duración cada unha delas e en horario de mañá. Van dirixidas a nenos de entre 4 e 12 anos de idade.

En xullo ofértanse ao público infantil sendos cursos de iniciación ao surf (na praia de Caión) e ao golf (campo de Larín), que en ambos casos se realizarán en dúas quendas para permitir a participación dun maior número de persoas. Tamén dirixidas aos nenos están as xornadas multiaventura a realizar en Mazaricos os días 23 e 30 de xullo.

Dúas propostas que volven organizarse trala boa acollida dos anos anteriores son a xornada de paintball en Cacheiras de Teo (6 de agosto, para maiores de oito anos) e o barranquismo no río Almofrei (20 de agosto, para maiores de 12 anos de idade).

En agosto Caión será o lugar de realización doutras tres actividades: paddel surf (día 11, para maiores de 10 anos), kaiak (18 de agosto, tamén sendo necesario ter cumpridos os dez anos de idade) e travesías en barco polo litoral da vila (26 de agosto).

Neste verán de incertezas sobre a posibilidade da celebración das festas populares, o Concello ten programados espectáculos de rúa –ao aire libre- dirixidos a todos os públicos en datas moi simbólicas no termo municipal. Así, na fin de semana das festas do Carme (18 e 19 de xullo), o porto de Caión acollerá “La Coquette” de Kanbahiota e “Voa, voa!” de Talía teatro. Na fin de semana das festas patronais da Laracha (15 e 16 de agosto), na Praza Olonne Sur Mer haberá os espectáculos “Forzu2 + aéreos” de Circo Chosco e "A gran viaxe" de Inventi Teatro. E o día dos Milagres (martes 8 de setembro), na praza Eduardo Vila Fano de Caión actuará Fantoches con “Monstros no camiño”.

Por último, salientar que o programa tamén inclúe a proxección de cinco filmes ao aire libre, en todos os casos a partir das 22:30 horas, coas películas “Los futbolísimos” (10 de xullo na Laracha), “Ralph rompe internet” (17 de xullo en Caión), “Superlópez” (7 de agosto en Paiosaco) e “Meigallos” (21 de agosto en Caión).

Colaboran co Concello da Laracha na organización deste programa a Xunta de Galicia a través da Rede de Dinamización Lingüística e a Deputación da Coruña.

 

Descarga o programa completo aquí.