O ALCALDE DE LARACHA VISITA AS OBRAS DE EMERXENCIA DO PEIRAO DE CAIÓN ACOMPAÑADO DO PRESIDENTE DE PORTOS
15/06/2016
A petición do alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, desprazouse o martes 14 de xuño ata Caión para manter unha reunión de traballo cos representantes municipais e cos responsables da Confraría de Pescadores e da empresa que está a desenvolver as obras de emerxencia no peirao desta localidade.
Estas actuacións proxectadas por Portos de Galicia teñen por finalidade garantir a seguridade no ámbito portuario despois dos danos que sufriron as instalacións provocados polos temporais que azoutaron a costa galega no pasado inverno.
As obras consisten no reforzamento da protección do tramo final e o morro do exterior do dique de abrigo coa colocación de noventa e cinco bloques de formigón de vinte toneladas de peso cada un. No espaldón será reconstruído un tramo de parapeto duns vinte metros de lonxitude para reparar a greta que xurdiu neste lugar. Por outra parte, no interior do dique reforzarase a berma interior mediante a construción dunha escollera formigonada que quedará ao nivel do actual pavimento. Para rematar a actuación renovaranse as varandas de contención e os dispositivos de aireación.
Estes traballos están a ser executados por Construcciones López Cao S.L., precisamente unha das empresas que compoñían a UTE que desenvolveu o proxecto da primeira fase de ampliación do porto de Caión no ano 2012. En total Portos de Galicia investirá no ámbito do peirao de Caión preto de 200.000 euros.
Por outra banda, tamén se realizará unha actuación nos departamentos situados na rúa Méndez Núñez, xunto á entrada ao porto desde a praza Eduardo Vila Fano. Os traballos céntranse na reparación e reforzamento das lousas de granito que forman a fachada destas instalacións que ofrecen servizo aos profesionais do sector marítimo de Caión.