80 ALUMNOS DE 1º DE PRIMARIA DO CEIP OTERO PEDRAYO VISITARON O CONCELLO
24/05/2016
Os máis de 80 alumnos que cursan os seus estudos de primeiro de primaria no CEIP Otero Pedrayo da Laracha visitaron esta na mañá do día 20 de maio a Casa do Concello nunha actividade educativa complementaria organizada pola concellería de Ensino e o persoal docente do colexio.
Os rapaces, acompañados polos seus mestres, coñeceron as diferentes dependencias municipais. O alcalde, José Manuel López Varela, fixo de guía deste percorrido que levou aos nenos, entre outros lugares, polo despacho da Alcaldía, o balcón da Casa do Concello e tamén o salón de plenos, onde os rapaces formularon varias preguntas ao rexedor municipal relacionadas coa súa labor diaria no Concello. López Varela, ademais de responder ás inquedanzas dos nenos e recoller as súas propostas, explicoulles que o salón de plenos, ao ser unha estancia na que se toman acordos institucionais, está presidido por catro bandeiras (Concello da Laracha, Xunta de Galicia, España e Unión Europea) e por un cadro coa imaxe do rei Felipe VI.
A actividade que se realizou hoxe tiña por finalidade que os alumnos puidesen coñecer como é o traballo dos profesionais que desempeñan a súa labor diaria no Concello da Laracha.
Unha vez rematado o encontro no salón de plenos, axentes da Policía Local e membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil permitiron aos rapaces coñecer parte do seu parque móbil –que fora desprazado ata a praza do Concello-, equipamento de emerxencias e material.
Durante toda a visita os representantes políticos, traballadores do Concello e voluntarios mostráronse moi próximos aos rapaces, que disfrutaron dunha xornada lectiva diferente, entretida e, sobre todo, educativa.