• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O 1 de xullo regresará a actividade ao obradoiro de emprego A Laracha V

20/06/2020

Por causa da alerta sanitaria da Covid-19, o obradoiro de emprego A Laracha V que levaba realizándose desde o mes de novembro tivo que paralizarse a mediados de marzo. Agora que Galicia superou as tres fases da desescalada cara a nova normalidade, os vinte alumnos traballadores e as cinco persoas que forman o equipo directivo, docente e administrativo regresarán á actividade o mércores 1 de xullo.

Este programa dual de formación e emprego é organizado polo Concello co apoio económico da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia. Os vinte alumnos traballadores repártense en dúas especialidades –dez en cada unha delas-. A de carpintería de madeira ten por actuación principal a reparación do paseo fluvial do río Anllóns, que cobra unha maior relevancia tralos danos que a pasarela sufriu no pasado inverno por causa dos temporais que azoutaron Galicia. Do orzamento total de 863.000 euros do obradoiro –incluíndo as obras previstas e os soldos do persoal-, 302.000 euros –máis da terceira parte- destínanse á compra do material para levar a cabo a actuación no paseo fluvial, o que reflicte o volume da obra prevista que tivo que paralizarse durante a primavera e que comezará a executarse coa volta da actividade.

A outra especialidade, a de pintura industrial, xa actuou na Casa da Cultura e no edificio administrativo. Ao regreso, completaranse os traballos na Casa do Concello e, a continuación, intervirán no centro sociocultural de Paiosaco, nas pistas polideportivas descubertas de O Vilar (Cabovilaño) e Cumiáns (Montemaior) e nos báculos da iluminación pública.

En ambas especialidades a formación teórica –que aínda non está totalmente rematada- impartirase nas instalacións do edificio administrativo da Laracha. A fase práctica, ademais de nos propios lugares de execución dos proxectos, realizarase nas naves do edificio municipal existente no parque empresarial.