• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello subvencionará con ata 2.100 euros a autónomos e empresas afectados pola crise da Covid-19

17/06/2020

O Concello da Laracha xa ten listas para publicar no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as bases reguladores do programa municipal de subvencións para o fomento do emprego mediante o impulso da actividade económica para paliar os efectos da Covid-19. A liña de axudas irá dirixida a empresarios e autónomos do termo municipal da Laracha que foran obrigados a suspender a apertura ao público ou que sufriran minoración da súa facturación debido ao decreto do estado de alarma do pasado 14 de marzo. Deste xeito o Concello contribuirá a facilitar o cumprimento das obrigas das empresas e autónomos, axudaralles no mantemento da súa actividade económica e, tal e como establece o fin último do plan, actuará para cooperar na protección e conservación do emprego.

Este plan municipal de axuda ao fomento do emprego subvencionará con ata un máximo de 2.100 euros a cada beneficiario, cunha contía fixa inicial de 600 euros que se incrementará en 300 euros máis por autónomo ou empregado ata o citado tope.

Para poder acollerse a esta liña de axudas é preciso cumprir os seguintes requisitos:

  1. Ser autónomo, microempresa ou pequena empresa que desenvolva a súa actividade no termo municipal da Laracha e que estivese obrigada a pechar ou vise reducida a súa facturación durante o estado de alarma, polo menos, nun 75% tomando como referencia o último semestre de 2019, sempre e cando manteñan a actividade e os postos de traballo. Soamente será subvencionada unha solicitude por negocio.
  2. Estar ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias coa Facenda estatal (AEAT), autonómica e local, e coa Tesourería Xeral da Seguridade Social (TGSS).
  3. Estar de alta no imposto de actividades económicas e desenvolver a súa actividade subvencionable no Concello da Laracha.

A partida orzamentaria destinada a atender as solicitudes destas subvencións estará dotada inicialmente con 220.143,94 euros dos orzamentos municipais. Dita consignación fora aprobada polo Pleno por iniciativa do goberno local. Nesta semana celebrouse unha reunión da Xunta de Portavoces na que todos os grupos da Corporación consensuaron as bases definitivas do programa. O documento será publicado nos próximos días no BOP, momento no que se abrirá o prazo de vinte días hábiles para a presentación de solicitudes para acollerse a este plan de axudas municipais ao fomento do emprego.