• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A zona azul gratuíta reactivarase o próximo luns na avenida Fisterra e rúa Santa Lucía da Laracha

17/06/2020

Unha vez levantado o estado de alarma en Galicia e recuperada en gran medida a actividade habitual nas rúas do núcleo urbano da Laracha, o Concello reactivará o luns (22 de xuño) a zona azul gratuíta tanto na Avenida Fisterra como na rúa Santa Lucía, ambas na capital municipal.

Por tanto, xa desde o primeiro día da próxima semana volverá restrinxirse a noventa minutos o tempo máximo de estacionamento dos vehículos. Para cumprir a normativa deberase indicar a hora de chegada nun lugar visible e por calquera medio nas prazas de aparcamento marcadas en cor azul.

A medida estará vixente de luns a venres pola mañá en horario de 9:00 a 15:30 horas. Durante as tardes, nas fins de semana e tamén nos festivos poderase estacionar sen ningún tipo de restrición horaria. A ordenanza municipal establece exencións a ambulancias e vehículos de emerxencias, automóbiles particulares que dispoñan da tarxeta de mobilidade reducida e vehículos do persoal do centro médico e punto de atención continuada da Laracha.

A finalidade da zona azul gratuíta é facilitar a rotación dos vehículos na área máis céntrica da capital do Concello, onde se concentran tanto os edificios administrativos municipais como entidades bancarias, supermercados e diversidade de establecementos comerciais e hostaleiros.