• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

EDUCACIÓN PRESENTARÁ A NOVA PROPOSTA DE HORARIOS PARA O CEIP ALFREDO BRAÑAS DE PAIOSACO

15/06/2016

O xefe territorial de Educación na provincia da Coruña, Indalecio Cabana, acudiu o luns 13 de xuño ao Concello da Laracha despois de que o alcalde, José Manuel López Varela, solicitase a súa presenza coa finalidade de abordar a cuestión do CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco.   

Parte dos alumnos dese centro non acudiron ás clases como medida de protesta impulsada pola Anpa para mostrar a súa disconformidade cos novos horarios propostos para o próximo curso. Dita modificación vén motivada pola aprobación da xornada única no CEIP Ramón Otero Pedrayo da Laracha e a necesidade de adaptar os horarios aos cambios nas liñas de transporte escolar compartidas por ambos centros.   

Indalecio Cabana adiantoulle ao alcalde que a Xefatura Territorial de Educación xa ten unha nova proposta de horarios para o CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco, que xunto aos técnicos da Consellería, presentará ao alcalde, á Anpa e á dirección do centro nunha xuntanza que foi convocada para mércores día 15 na Delegación da Xunta de Galicia na Coruña.   

96.000 euros na mellora dos colexios da Laracha e Caión 

José Manuel López Varela e Indalecio Cabana aproveitaron o encontro de hoxe para analizar as actuacións que o Concello da Laracha e a Delegación Territorial de Educación acordaron realizar durante o próximo verán nos colexios da Laracha e de Caión.   

No CEIP Ramón Otero Pedrayo da Laracha investiranse 60.000 euros no financiamento da soleira do pavillón polideportivo do centro –actualmente en fase de construción- e no acondicionamento da zona exterior do novo aulario de educación infantil que está en funcionamento desde o pasado mes de xaneiro. Ademais, outros 3.500 euros destinaranse a mellorar as caldeiras e os depósitos de gasoil.   

No CEIP de Caión construirase un novo peche perimetral de todo o recinto do centro de ensino e arranxaranse as goteiras que xurdiron na claraboia da planta alta. Ademais, levaranse a cabo reparacións no sistema de calefacción. As actuacións suporán un gasto duns 32.500 euros.   

Por tanto investiranse en total 96.000 euros na mellora das infraestruturas de ambos colexios de cara ao inicio do curso escolar 2016-2017.

Compartir: