Concello
Aberto o prazo de inscrición nos servizos municipais de axuda á conciliación do Programa Harmoniza
13/06/2020
O Concello da Laracha abriu o luns 15 de xuño as inscricións nos dous servizos municipais de axuda á conciliación da vida laboral e familiar que se prestan a través do Programa Harmoniza ás persoas que teñen ao seu cargo nenos de entre 3 e 12 anos de idade.
Tal e como se anunciou recentemente, o servizo de aula lúdica regresará o 1 de xullo e prestarase ata o inicio do curso escolar en horario de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas. Dado que a situación actual implica a necesidade de limitar o número de usuarios de acordo ás normas de seguridade establecidas polas autoridades sanitarias, o acceso ao servizo será exclusivo para aquelas persoas que xustifiquen a necesidade de conciliación (xornada laboral dos proxenitores e non dispoñer de redes de apoio familiar e social para o coidado dos nenos). O prazo de inscrición para os usuarios permanecerá aberto durante dúas semanas, ata o venres 26 de xuño.
Por outra parte, tamén se abre a inscrición no programa Madrugadores para o alumnado dos CEIPs Otero Pedrayo da Laracha, Alfredo Brañas de Paiosaco e Caión no curso escolar 2020-2021. As instancias poderán presentarse durante un mes e medio xa que o prazo rematará o 31 de xullo.
No caso de Madrugadores, a prestación do servizo vai ligada á actividade lectiva nos centros de ensino, polo que a súa posta en marcha coincidirá co inicio do curso escolar e sempre e cando o permitan as autoridades sanitarias competentes.
Cabe lembrar que Madrugadores ten como obxectivo responder ás necesidades das familias derivadas das dificultades que presentan para poder compatibilizar os seus horarios laborais cos escolares dos seus fillos, posibilitando a atención dos menores por persoal cualificado nos propios colexios antes do inicio das clases, desde as 7:00 horas, realizando actividades lúdicas e educativas e tendo a posibilidade de recibir un almorzo equilibrado.
A normativa da aula lúdica e os modelos de inscrición en ambos servizos están dispoñibles aquí.