• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O complexo deportivo da piscina municipal reabrirase ao público o 1 de xullo

11/06/2020

No Concello da Laracha continúan celebrándose semanalmente reunións da comisión municipal de seguimento ante a Covid-19, da que forman parte o alcalde, os catro concelleiros con áreas de goberno delegadas, o secretario e interventor municipais e o xefe da Policía Local. Na sesión de hoxe tomáronse unha serie de acordos de especial relevancia ao tratarse de medidas encamiñadas á nova normalidade centradas no apoio ao sector comercial, facilitar a conciliación persoal e laboral das familias con nenos e  reabrir as primeiras instalacións deportivas municipais.

Así, na comisión revisouse o borrador das bases que rexerán o plan de fomento do emprego promovido polo Concello, dotado inicialmente con 220.000 euros e que incluirá axudas municipais para autónomos e pequenas e medianas empresas prexudicadas pola crise sanitaria da Covid-19. O Concello dará traslado de dito documento aos grupos políticos da oposición e a próxima semana convocará unha xunta de portavoces para que poidan presentar as súas achegas. Será o paso previo á publicación das bases e á apertura do prazo para que as persoas e pemes que cumpran os requisitos poidan solicitar beneficiarse desta liña de subvencións municipais.

Por outra banda, acordouse fixar no mércores 1 de xullo a reapertura do complexo deportivo da piscina municipal da Laracha, incluíndo tanto a zona de auga como o ximnasio. Recentemente o equipo de goberno mantivo unha reunión coa empresa concesionaria da xestión das instalacións para consensuar esa data e establecer os protocolos de seguridade que deberá cumprir tanto o persoal ao cargo do complexo deportivo como os seus usuarios.

Ademais, avanzouse que no mes de xullo tamén regresará o servizo de aula lúdica municipal co obxectivo de facilitar a conciliación persoal e laboral das persoas que teñen ao seu cargo nenos de entre 3 e 12 anos de idade. Tamén con ese mesmo propósito o Concello porá en marcha un programa municipal de actividades culturais e deportivas centrado en propostas para o público infantil e que se levará a cabo nos meses de xullo e agosto.

Por último, acordouse que a partir do martes da próxima semana (16 de xuño) reincorporaranse ao seu posto de traballo de xeito presencial e diario os empregados municipais despois de varias semanas nas que se estableceran quendas de asistencia e teletraballo. A atención presencial no Concello seguirase facendo con cita previa (pode solicitarse chamando ao 981605001), de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas.