Concello
O Concello iniciou o envío dos requirimentos aos propietarios de solares e fincas para mantelos en boas condicións de conservación
06/06/2020
A Lei do Solo de Galicia establece a obrigatoriedade de manter en óptimas condicións de conservación os solares e fincas situados nos núcleos urbanos, zonas da periferia e áreas residenciais de parroquias rurais que requiren dun tratamento especial.
En cumprimento desta normativa, a Policía Local elaborou un informe detallando todos os terreos desas características que non se atopan en boas condicións de conservación. De acordo a dito informe, o Concello iniciou o envío das notificacións aos seus propietarios, requiríndolles a execución das actuacións correspondentes á maior brevidade.
En total tramítanse preto de douscentos expedientes destas características sobre parcelas situadas nos tres núcleos urbanos (A Laracha, Paiosaco e Caión), os seus entorno e tamén os situados na urbanización Monte Claro de Cabovilaño.
Todos os anos o Concello da Laracha desenvolve unha campaña informativa sobre estas cuestións, con especial incidencia na primavera e no verán por tratarse das épocas de maior crecemento da biomasa, aínda que tamén nos meses restantes se levan a cabo actuacións dirixidas a cumprir as condicións de seguridade, hixiene, salubridade e ornato público das fincas privadas.
Nos requirimentos advírtese aos titulares dos terreos que o incumprimento da normativa vixente poderá implicar sancións administrativas, ademais de asumir o propietario das parcelas o custe das actuacións que, no caso de ser preciso, o Concello executará subsidiariamente.
O Concello da Laracha agradece á veciñanza a súa implicación e sensibilización co mantemento en bo estado de conservación das parcelas privadas, dado que por norma xeral ditos labores se acometen en tempo e sen necesidade de requirimentos previos.