Concello
Concello e Suelo Empresarial del Atlántico reúnense para planificar o futuro do polígono industrial da Laracha
02/06/2020
José Manuel López Varela, alcalde da Laracha, recibiu hoxe no Concello a Beatriz Sestayo, xerente de Suelo Empresarial del Atlántico (SEA). Na xuntanza tamén participaron o edil responsable da área de Urbanismo, Jesús Souto, e persoal técnico de ambas partes.
O motivo do encontro foi abordar o futuro do polígono da Laracha analizando as principais accións a levar a cabo para favorecer a implantación de empresas na que é unha das zonas industriais con maior potencial de desenvolvemento da provincia da Coruña.
Considerando a situación xeográfica estratéxica, as características do terreo e a plena cobertura en servizos do parque que permite acoller calquera tipo de actividade industrial, e tendo en conta tamén que xa está vendido preto do setenta e cinco por cento do terreo, tratouse a conveniencia de promover unha ampliación do polígono e habilitar máis superficie para uso industrial.
Ademais, propúxose que os técnicos de ambas partes analicen levar a efecto determinadas modificacións do proxecto sectorial do parque existente que permitirían adaptalo ás necesidades actuais que requiren as empresas para decidir implantarse na Laracha.
Na reunión púxose de manifesto a boa sintonía entre os membros e persoal técnico do Concello e de SEA para traballar xuntos polo ben común de potenciar o parque empresarial da Laracha e captar investimentos que repercutan no aumento da actividade industrial e na xeración de emprego.