• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello inicia a campaña de desbroce nas catro parroquias máis poboadas do municipio

02/06/2020

O Concello da Laracha iniciou a campaña de desbroce das cunetas das vías públicas de titularidade municipal. Estes traballos lévanse a cabo no final da primavera, durante o verán e ata o inicio do outono co obxectivo de eliminar a vexetación herbácea nas marxes das estradas para mellorar a visibilidade, manter o ornato público e previr riscos de incendio. 

Nesta ocasión o comezo destes labores de roza adiantouse nuns quince días con respecto ao ano anterior como medida de seguridade ante a situación actual provocada pola Covid-19 xa que, ademais de mellorarse o tránsito dos vehículos, con estas actuacións facilitarase que os peóns que camiñan polas vías eviten invadir a zona de circulación rodada pola presenza de vexetación nos arcéns.

Precisamente debido a esta circunstancia as primeiras parroquias nas que se están a acometer os traballos son as catro máis poboadas do municipio. Así Torás, incluíndo o núcleo urbano da Laracha, é a parroquia obxecto da primeira intervención. As seguintes serán Lestón (incluíndo Paiosaco), Cabovilaño e Caión. Posteriormente  actuarase nas outras nove parroquias rurais.

Do mesmo xeito que nos anos precedentes, actuarase en todas as estradas, vías, pistas asfaltadas e camiños forestais de titularidade municipal –que superan os 600 quilómetros de lonxitude lineal- e tamén nas parcelas e terreos propiedade do Concello que non están incluídos no contrato do servizo de limpeza e mantemento de zonas verdes –en total, uns 150.000 metros cadrados de superficie-.