• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

O ALCALDE RECIBE NO CONCELLO AO C.B. LARACHA M3, FLAMENTE CAMPIÓN DA COPA PRIMAVERA

15/06/2016

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, e Patricia Bello, concelleira responsable da área de deportes, recibiron na Casa Consistorial aos xogadores, corpo técnico e equipo directivo do Club Baloncesto Laracha M3, o equipo sénior masculino da entidade que vén de proclamarse campión da Copa Primavera tras derrotar na final –disputada na Coruña, nun dos pavillóns de Riazor- ao Irmandiños de Ferrol.

O rexedor municipal felicitoulles pola exitosa temporada recentemente finalizada, na que o equipo militou no grupo A Coruña-Ferrol da 3ª División, categoría á que accedeu tras ser campión da 4ª División da zona da Coruña na campaña anterior.   

López Varela tamén valorou que a maior parte dos xogadores sexan veciños do Concello da Laracha e leven varios anos competindo xuntos no mesmo equipo, algúns deles partindo desde as categorías de base.   

O alcalde aproveitou a ocasión para facer referencia ao importante labor que está a facer o C.B. Laracha para potenciar a práctica desta modalidade deportiva en categorías de base e tamén entre as mulleres e mostrouse satisfeito de comprobar “que este deporte se está a consolidar na Laracha, contando cada ano con máis xente que se interesa por el e anima a practicalo”.   

Por último, o rexedor municipal desexoulles os maiores éxitos de cara a próxima temporada, mantendo o compromiso do Concello da Laracha de continuar cooperando coa entidade tanto a nivel económico como na cesión das instalacións municipais para xogar os partidos e desenvolver os adestramentos.

Compartir: