• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello investirá 45.000 euros na mellora da rede de abastecemento de Golmar e Vilaño

25/05/2020

Na última sesión plenaria foi aprobado o suplemento de crédito que permitirá incorporar aos orzamentos municipais 1.119.706,17 euros procedentes do remanente de tesourería e que se destinarán a financiar actuacións de interese xeral municipal. Dito expediente está actualmente en período de exposición pública.

Un dos proxectos previstos para executar con cargo ao suplemento de crédito é a mellora da rede de abastecemento de auga potable na parte alta das parroquias de Golmar e de Vilaño.

A actuación consiste na ampliación da rede coa instalacións duns 1.500 metros de novas tubaxes que recibirán subministro directo por bombeo desde a estación potabilizadora (ETAP) de Gabenlle. Deste xeito reforzarase o caudal no ramal que abastece aos núcleos de poboación da Viña, As Brañas da Viña, Marfulo, O Igrexario de Golmar e O Ramallal.

O proxecto, que será financiado integramente con fondos municipais, suporá un investimento de 45.000 euros.