• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O material da campaña "Ti tes a chave" continúa dispoñible para as persoas que se sumen ao voluntariado marrón

23/05/2020

No pasado mes de febreiro no Concello da Laracha comezou a funcionar a quinta fracción da recollida selectivade residuis sólidos urbanos, o novo colector marrón de orgánicos que está operativo nos núcleos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión, así como na urbanización Monte Claro de Cabovilaño.

O Concello desenvolveu unha campaña informativa titulada Ti tes a chave a través da que se animaba á cidadanía a sumarse ao voluntariado marrón, entregando a cada persoa que se anotase un kit composto por un cubo ventilado, bolsas compostables e a chave para poder abrir os 150 colectores de orgánicos que están instalados a pé de rúa. Na actualidade son 460 familias e 43 grandes produtores (estrablecementos hostaleiros, supermercados, tendas de alimentación, etc.) as que están dadas de alta como usuarias.

Todas as persoas que desexen sumarse a esta iniciativa poden cubrir o formulario na web municipal ou darse de alta acudindo ao Concello (necesario solicitar cita previa). Os puntos de recollida do kit son a propia Casa Consistorial e o edificio administrativo da Laracha.

A finalidade desta iniciativa é reducir a cantidade de lixo que se deposita nos colectores xenéricos e poder recuperar os residuos orgánicos na planta de Sogama converténdoos en compost de calidade.

Cabe lembrar que ás persoas que residen no rural se lles ofrece a posibilidade de participar no programa de compostaxe doméstica, tamén impulsado coa colaboración de Sogama.