Concello
A Oficina de Información Turística atendeu máis de 400 consultas durante o verán
12/09/2018
A Oficina Municipal de Información Turística (OMIT) do Concello da Laracha vén de elaborar o seu informe da actividade realizada desde finais do mes de xuño -no inicio da temporada de verán- e ata o remate das Festas dos Milagres de Caión, é dicir, as datas nas que finaliza a temporada alta de presenza de visitantes na vila en particular e no municipio en xeral. Dito informe reflicte o perfil das persoas que fixeron uso deste servizo municipal durante ese período.
En primeiro lugar cabe salientar o volume de consultas atendidas, que ascende a 405, o que supón que a número de persoas que acudiron á OMIT superase as mil xa que, por norma xeral, os turistas van a ela acompañados. De feito, o perfil das persoas que visitaron o Concello neste verán indica que un 68% o fixeron en parella ou con amigos. Ademais diso, hai que engadir a actividade desenvolvida polos técnicos municipais de turismo durante a Feira das Cereixas e a Feira de Horticultura celebradas en Paiosaco, onde se ofreceu información no stand municipal polo que se estima que pasaron máis de tres mil persoas entre as dúas xornadas.
As tres motivacións principais dos turistas á hora de escoller A Laracha como o seu destino son a natureza, a gastronomía e o surf. Neste contexto destaca a praia de Caión, pero tamén os roteiros litorais para realizar a pé nesta mesma localidade, a área recreativa de Gabenlle e o paseo fluvial do río Anllóns. Por outro lado, tamén se valora a calidade dos produtos culinarios locais e os establecementos hostaleiros nos que se ofrece a posibilidade de degustalos.
O 28% dos turistas que nos visitaron neste verán foron estranxeiros, procedentes principalmente de países como Alemaña, Inglaterra, Francia e Suíza. Dos visitantes nacionais a maioría procederon de Madrid, Castela e León, País Vasco e outros puntos de Galicia.
Case a metade dos turistas afirmaron visitar o Concello da Laracha por primeira vez e que a duración media da súa viaxe foi de 20 días. A inmensa maioría utilizan o automóbil como medio de transporte e chama a atención que un de cada catro usuarios da OMIT chegou ao noso termo municipal en autocaravana. Cabe lembrar que o Concello da Laracha ten dispoñibles dúas áreas de servizo para este tipo de vehículos, unha en Xermaña (Caión) e outra en O Regado (Cabovilaño, xunto á estrada AC-552).
A Oficina de Información Turística do Concello da Laracha, atendida por persoal técnico especializado na materia, estivo en funcionamento durante o verán en dúas localizacións: a antiga reitoral de Caión e o edificio administrativo da Laracha. Desde agora permanecerá operativa soamente na capital municipal de luns a venres en horario de 8 a 15 horas.