• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

A CAMPAÑA DE DESBROCE ALCANZA OS 550 QUILÓMETROS LINEAIS DE ESTRADAS ACONDICIONADAS

30/11/2015

O Concello da Laracha finaliza a campaña anual de desbroce das cunetas de estradas superando as cifras de quilómetros acondicionados con respecto aos datos do exercicio pasado.   

Durante os últimos seis meses, desde primeiros de xuño e ata finais de novembro, actuouse nuns 550 quilómetros lineais de estradas onde se eliminou a vexetación herbácea cos obxectivos de aumentar a visibilidade e mellorar a seguridade viaria para os vehículos e peóns.   

Despois de actuarse nas trece parroquias e na totalidade das vías asfaltadas dos máis de trescentos núcleos de poboación rural que existen no Concello da Laracha, pechouse a campaña nunha das estradas municipais de maior entidade e lonxitude, como é a vía que dirixe a Cerceda desde a zona de Gabenlle. Ademais, cabe lembrar que os operarios das brigadas de incendios tamén realizaron durante os últimos meses traballos de similares características en pistas forestais.   

O Concello da Laracha, como en anteriores ocasións, seguiu unha serie de criterios para organizar o desenvolvemento desta campaña anual de desbroce co obxectivo de optimizar os seus resultados. Así, actuouse na primeira fase nos lugares de maior afluencia de persoas por tratarse dos principais puntos de interese turístico ou pola celebración de eventos festivos e relixiosos. A segunda fase afectou ás restantes estradas municipais.   

A finais de agosto comezouse a terceira fase, que incluíu o desbroce das vías polas que discorre o transporte escolar, facilitándose deste xeito o percorrido dos autobuses no inicio do curso en todos os centros de educación infantil, primaria e secundaria.   

A cuarta fase que incluíu un segundo repaso por lugares nos que xa se actuara, pero onde volveu crecer maleza durante o verán, así como os últimos núcleos de poboación restantes e determinadas pistas e estradas.

Compartir: