• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello suspende a celebración dos actos lúdicos e culturais da Festa das Cereixas

07/05/2020

Hoxe celebrouse unha nova reunión da comisión municipal de seguimento ante o Covid-19, da que forman parte o alcalde, os catro concelleiros con áreas de goberno delegadas, o secretario e interventor municipais e o xefe da Policía Local.

O principal acordo tomado foi a suspensión dos actos culturais, lúdicos e recreativos da Festa das Cereixas de Paiosaco, a celebración que conta co distintivo de interese turístico de Galicia e que ten lugar na primeira fin de semana de xullo. Do mesmo xeito, quedan suspendidas todas as festas populares do mes de xuño, que son as das parroquias de Lestón, Lendo, Coiro e o San Pedro de Soandres.

A cancelación da Festa das Cereixas non significa a non celebración da Feira das Cereixas no que se refire en exclusiva á actividade comercial coa venda de produtos alimentarios de primeira necesidade. De feito, o Concello da Laracha tiña previsto reiniciar a actividade no recinto feiral de Paiosaco o domingo 17 de maio trala publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da orde da Consellería do Medio Rural e estando en disposición de tomar todas as medidas de seguridade oportunas sobre separación dos postos de venda e distanciamento social das persoas grazas á amplitude do recinto, que alcanza as dúas hectáreas. Sen embargo, o Concello da Laracha solicitará á Delegación do Goberno en Galicia que informe sobre esta situación despois de coñecer polos medios de comunicación que en determinados municipios da provincia non se autorizou a celebración das feiras e noutros si que se realizaron, como tamén se están a levar a cabo noutras comunidades autónomas como o País Vasco, Comunidade Valenciana e Cataluña.

Neste mesmo sentido, a Asociación Profesional de Comercio Ambulante e Comercio en Prazas de Abastos de Galicia (ACAPAG) solicitou información sobre o reinicio da actividade na feira de Paiosaco. O Concello trasladaralles que a nivel municipal estase en disposición de celebrala cumprindo a normativa, pero que se poida levar a cabo dependerá das instrucións das autoridades competentes.

En canto ao sector hostaleiro, confirmouse que o Concello non cobrará a taxa municipal pola ocupación da vía pública en terreos municipais con mesas e cadeiras como unha medida de flexibilización fiscal e apoio económico aos establecementos con terrazas. Ademais, solicitarase tanto a Portos de Galicia como á Demarcación de Costas do Estado información sobre a concesión da instalación de terrazas na zona portuaria, paseo marítimo e aparcamento da praia de Caión e que ambos organismos tamén exoneren da correspondente taxa aos locais correspondentes.

Ademais, apuntouse que o Concello está a traballar na redacción das bases que rexerán o Plan municipal de axudas ao fomento do emprego ante a situación provocada pola alerta sanitaria. Por outra banda, no portal municipal de emprego (www.alaracha.gal/emprego) ofrécese información sobre as convocatorias de axudas das diferentes administracións dirixidas a autónomos, empresas e traballadores.

Neste sentido, a comisión municipal de seguimento ante o Covid-19 acordou solicitar tanto ao Ministerio de Hacienda como á Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) que autorice a posibilidade de facer uso da totalidade do remanente co que conta o Concello da Laracha.

Por último, o xefe da Policía Local expuxo o labor de control do cumprimento das restricións horarias para a práctica de actividades físicas individuais e paseos ao aire libre por vías e espazos públicos. O corpo municipal de seguridade informou á cidadanía sen ter presentado desde a fin de semana ningunha proposta de sanción económica por incumprimento desa normativa.