• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O alcalde anuncia un Plan municipal de axudas ao fomento do emprego ante a situación derivada da alerta sanitaria

05/05/2020

Hoxe celebrouse o primeiro Pleno desde a declaración do estado de alarma. A sesión, que se desenvolveu na Casa da Cultura da Laracha para posibilitar que os edís e traballadores municipais puidesen gardar as distancias sociais de seguridade, comezou gardándose un minuto de silencio en memoria das persoas falecidas pola Covid-19.

O único punto da orde do día foi a aprobación inicial do suplemento de crédito que permitirá incorporar aos orzamentos municipais 1.119.706,17 euros a financiar con parte do remanente líquido de tesourería e coa previsión de destinalos a actuacións de mellora de infraestruturas públicas, adquisición de equipamento, compra de terreos e traballos de mantemento en instalacións municipais.

Unha das obras previstas consistía na ampliación dunha das vías principais da parroquia de Montemaior, que é a que comunica A Baiuca con Propeste dando acceso ao núcleo de Santa Margarida desde a estrada provincial DP-2404, proxecto cun orzamento de 220.143,94 euros. Sen embargo, o alcalde, José Manuel López Varela, anunciou que se aprobará nos próximos días un Plan municipal de axudas dirixidas ao fomento do emprego ante a situación actual do mercado laboral derivada pola alerta sanitaria do Covid-19. Por iso o grupo municipal do Partido Popular presentou unha emenda para que os fondos previstos para a obra en Montemaior pasasen a incluírse como crédito extraordinario na aplicación orzamentaria dese Plan municipal. O rexedor explicou que a obra non se cancela, senón que se apraza para ser incluída noutros programas ao longo deste ano ou ben nos orzamentos municipais da seguinte anualidade, lembrando tamén que de todos os xeitos a actuación non podería executarse inmediatamente porque está pendente a expropiación dos terreos afectados que levará varios meses.

Sobre o Plan municipal de axudas ao fomento do emprego, López Varela tamén avanzou que, ademais desta primeira dotación inicial, poderanse incorporar máis fondos procedentes, por exemplo, de axustes de partidas orzamentarias, programas municipais e eventos festivos que non se van poder desenvolver, subvencións nominativas e baixas nas licitacións das obras. En todo caso, as axudas municipais “adaptaranse á evolución da economía nos próximos meses, complementarán as que convoquen o Goberno central e a Xunta de Galicia e terán unhas bases moi traballadas e meditadas para que os cartos cheguen ás pemes e autónomos que realmente o precisan”.

Ademais, o alcalde lembrou que o fondo de emerxencia social está dotado con 25.000 euros que se aumentarán “no caso de que sexa necesario para atender situacións de urxencia de persoas ou familias que se atopan en situación de vulnerabilidade”.

Volvendo á orde do día do Pleno, a parte restante do suplemento de crédito aprobado, uns 900.000 euros, destinaranse ás outras actuacións previstas, entre as que cabe salientar a adquisición dos terreos afectados pola segunda fase do Plan Especial do CEIP Otero Pedrayo, que ten por finalidade aumentar os espazos vinculados ao colexio para mellorar os seus equipamentos e crear un novo acceso pensando especialmente para aumentar a seguridade dos autobuses de transporte escolar.

En canto a proxectos na rede viaria, prevese a humanización e mellora da estrada Bos Aires-O Pereiro, moi próxima ao centro escolar citado anteriormente. Outros proxectos afectarán á Avenida Manuel Fraga en A Laracha (humanización e axardinamento) e a renovación do pavimento nun tramo da estrada en Saldante (parroquia de Soandres). Tamén serán mellorados os accesos ao aparcamentos xunto á praia de Caión, creados novos espazos de estacionamento na capital municipal e en Paiosaco e reformada a parada de taxis xunto á Praza do Concello.

A aprobación deste suplemento de crédito permite dispoñer dos fondos necesarios para financiar o equipamento necesario para a posta en marcha do centro sociocomunitario de Caión, cuxa construción se atopa nestes momentos en fase de execución.

En Paiosaco levaranse a cabo actuacións de canalización soterrada da rede eléctrica, instalación dun parque biosaudable na Porta Santa, melloras nun dos accesos ao centro sociocultural e reparacións na cuberta do pavillón do CEIP Alfredo Brañas.

Outras actuacións centraranse na mellora das redes de saneamento, abastecemento e do alumeado público en diferentes puntos do termo municipal. Tamén serán adquiridas placas para continuar desenvolvendo o programa de numeración de vivendas nos núcleos rurais, colectores de recollida de residuos para reforzar a cobertura e novo equipamento para a Policía Municipal.

Por último, salientar que unha partida destinarase a incrementar a subvención nominativa á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.

A aprobación inicial do suplemento de crédito e a emenda presentada polo grupo municipal do Partido Popular saíron adiante co apoio unánime dos dezasete concelleiros da Corporación municipal.