• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello ten preparados para licitar dous proxectos do Plan especial de equipamentos educativos do IES Agra de Leborís

02/05/2020

O estado de alarma decretado polo Goberno central o pasado 14 de marzo suspendeu os prazos administrativos, o que supuxo que no Concello da Laracha se paralizase temporalmente a tramitación de proxectos que están listos para sacar a licitación pública.

É o caso das dúas actuacións previstas no marco do Plan especial de equipamentos educativos do IES Agra de Leborís. Pola parte posterior deste centro de ensino o Concello da Laracha xa completara a adquisición dos terreos afectados, a explanación e mesmo a construción dunha das dúas pistas polideportivas previstas.

Agora, o Concello xa ten toda a documentación preparada para iniciar o procedemento de contratación dos dous proxectos previstos nesa zona do núcleo urbano da Laracha e que sumarán un investimento total de 343.000 euros.

Por unha parte está a urbanización da vía de novo trazado aberta desde a prolongación da Avenida Manuel Fraga ata a rúa Maruja Mallo (antiga 1ª travesía López Astray). Inclúese a pavimentación da calzada, construción de beirarrúas, axardinamento, sinalización horizontal e vertical, creación das redes de saneamento e abastecemento e a canalización soterrada dos servizos de rede eléctrica, telecomunicacións e iluminación pública.

Por outra banda está o proxecto de creación dunha nova pista polideportiva descuberta, que terá unhas dimensións de 42x25 metros e nas que se marcará lonxitudinalmente unha pista de fútbol sala regulamentaria e, transversalmente, dúas pistas de baloncesto.

Ambos proxectos sacaranse a licitación unha vez se levante a suspensión dos prazos administrativos por parte do Goberno central.