• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Última fase das obras de humanización de catro rúas en A Laracha

30/04/2020

A execución do proxecto de humanización de catro rúas no núcleo urbano da Laracha está xa practicamente rematada.

As primeiras actuacións realizáranse nun tramo da Avenida Fisterra, á altura do cruce coa rúa da Coruña, onde foi ampliada a beirarrúa.

A continuación traballouse simultaneamente nos outros tres puntos de intervención previstos. Un deles é a rúa Médico David Mallo Gómez, que nace fronte ao centro de saúde da Laracha e comunica as rúa Santa Lucía e Arxentina. Os outros dous son as rúas Enrique Muiño e Uruguai, perpendiculares á rúa Médico David Mallo Gómez.

O proxecto consistiu na ampliación das beirarrúas para priorizar o tránsito peonil en condicións de seguridade e accesibilidade universal, a renovación do pavimento da calzada -incluíndo os espazos de aparcamento- e na correspondente sinalización horizontal e vertical para establecer o sentido único de circulación que aumentará a seguridade viaria no entorno. Precisamente os últimos traballos que restan por realizarse consisten na pintura viaria. A actuación tamén incluíra melloras das redes de saneamento e recollida de pluviais e a canalización soterrada para o servizo de iluminación pública.

Este proxecto está valorado en 122.000 euros e dá continuidade e outras actuacións promovidas polo Concello da Laracha co obxectivo de humanizar os núcleos urbanos, facelos máis accesibles para os peóns, dotalos con mellores servizos, renovar o pavimento e reordenar o tráfico reforzando a seguridade viaria e a comodidade dos condutores.