Concello
A Xunta aumenta en 2.230 as horas do servizo de axuda no fogar durante o estado de alarma
23/04/2020
Hoxe celebrouse unha nova reunión da Comisión de Seguimento ante o Covid-19 na que participaron o alcalde, os catro concelleiros con áreas delegadas, a secretaria e interventor municipais e o xefe da Policía Local.
En primeiro lugar, deuse conta da finalización do reparto de mascarillas e guantes nas vivendas habitadas de todo o termo municipal. No caso de que, por erro, non se deixasen os kits nalgún domicilio, deberase dar aviso chamando ao 981605001 de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas.
Protección Civil agora está a realizar a distribución de mascarillas (tres por cada traballador) nos establecementos comerciais abertos ao público e empresas con actividade laboral. Ademais, os empresarios e autónomos laracheses que están traballando pero sen local no que poder entregar ese material de protección, poden recollelo acudindo ao edificio administrativo de 9:00 a 14:00 ou de 18:00 a 21:00 horas entre hoxe e mañá venres.
Por outra banda, analizouse na comisión a situación actual de diferentes programas de servizos sociais. Como principal novidade, comunicouse que a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia aumentou en 2.230 as horas asignadas ao Concello da Laracha para a prestación do servizo de axuda no fogar. O reparto das mesmas realizarase polas asistentes sociais municipais para atender casos de emerxencias derivados da alerta sanitaria, usuarios que precisan de máis horas do servizo, persoas maiores que se atopan soas e requiren acompañamento e tamén usuarios do centro de día que non disfrutaban do servizo de axuda no fogar. Durante o estado de alarma, estas novas horas non terán ningún custe para os beneficiarios.
Tamén se reforza o servizo de teleasistencia coa posibilidade de dar máis altas por emerxencia, de xeito que os trámites son máis áxiles.
Ademais, o Concello lembra que continúa realizándose o reparto de vales de compra para a adquisición de alimentos de primeira necesidade entre as familias máis desfavorecidas, un programa ao que o Concello destinará ata 25.000 euros. Tanto neste caso como nos servizos de axuda no fogar ou teleasistencia, as persoas interesadas deben poñerse en contacto co departamento de servizos sociais chamando ao 981612811.
Outro servizo que está a disposición da cidadanía é o de compra de alimentos de primeira necesidade ou de medicamentos que se está a prestar a través de Protección Civil.
Por último, salientar que na comisión tamén se fixo un seguimento da coordinación entre o Concello e os equipos directivos dos centros escolares que permite distribuír o material indicado polo profesorado aos alumnos que así o precisan.