• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concurso

Manhattan Skyline e Café Bar Guadalupe, premiados na sétima edición do concurso “A Laracha de Tapas”

09/03/2020

A sétima edición do concurso A Laracha de Tapas desenvolvida do venres ao domingo baixo a organización do Concello volveu ser un rotundo éxito. Durante esas tres xornadas nove locais ofreceron a 1,50 euros elaboracións orixinais e de calidade que foron altamente valoradas polo público consumidor.

Manhattan Skyline, situado na rúa Lino Gómez Canedo, logrou coas súas Croquetas galegas a mellor valoración por parte do xurado popular e tamén a segunda mellor puntuación do xurado profesional, levándose en total 450 euros entre os dous premios.

A criterio do xurado profesional a mellor tapa foi o Roliño de Entroido do Café Bar Guadalupe  (situado na Avenida de Caión, fronte á Praza do Concello), obtendo un premio de 300 euros.

O xurado popular formárono todos os clientes que depositaran os seus votos nas urnas habilitadas para tal fin nos locais que participaron no concurso. En total foron rexistrados 974 votos válidos (debían estar selados por tres locais diferentes), dos cales 208 foron para a creación de Manhattan Skyline, a máis votada. Café Bar Sara e Café Bar Guadalupe foron, respectivamente, os seguintes establecementos máis votados.

Todos os votos dos consumidores entrarán no sorteo dos regalos cedidos polos locais participantes e as empresas colaboradoras. A relación de premiados publicarase na páxina de Facebook do Concello da Laracha.

Pola súa parte, o xurado profesional estivo formado polos bloggers gastronómicos  José Antonio Domínguez (www.rutasyrestaurantes.com), Antonio Doce (www.eloctopuslarpeiro.com), María Pérez (www.desayunacoruna.com) e María José Basanta (laurelycanela.blogspot.com).  

O Concello da Laracha mostra a súa satisfacción por chegar á sétima edición de A Laracha de Tapas e consolidar este concurso como unha excelente oportunidade para dar un impulso ao sector comercial local e crear un escaparate para que os locais de hostalería da capital municipal poidan darse a coñecer e mostrar ao público a calidade tanto das súas creacións como do servizo que ofertan durante todo o ano.